Inicio arrow Estatutos
Inicio
Estatutos
Actividades
Sendeirismo e Montaña
- - - - - - -
Foro
Ligazóns
Procura
Contacto
Facebook
Blog C.D. Fontiñas
- - - - - - -
Estatutos PDF Imprimir Correo
Escrito por Administrator   
ESTATUTOS CLUB DEPORTIVO FONTIÑAS

(Modificados o 16.9.1996)

DISPOSICIÓNS XERAIS, DENOMINACIÓN, ENDEREZO, ÁMBITO, FINS, MEDIOS E PATRIMONIO

Artigo 1 : O Club Deportivo Fontiñas é unha asociación con personalidade xurídica e capacidade de obrar, da que o obxeto exclusivo será o fomento e práctica da actividade física e deportiva, sen ánimo de lucro.

Artigo 2 : O Club Deportivo Fontiñas praticará como principal a modalidade polideportiva, e as seccións que para tal fin acorde crear a súa xunta directiva, poderanse afiliar ás respectivas federacións galegas, que someterán estes Estatutos á aprobación da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Artigo 3 : O Club Deportivo Fontiñas desenvolverá as súas actividades preferentemente no Polígono das Fontiñas, dedicando especial atención ós membros da comunidade escolar.

Artigo 4 : O Club Deportivo Fontiñas regularase polos presentes Estatutos, e no seu defecto pola normativa xeral que lle sexa de aplicación.

Artigo 5 : O Club Deportivo Fontiñas contará cun presuposto e patrimonio propio, non podendo destinar os seus bens a actividades de tipo económico que teñan como fin o lucramento dos seus socios.

Artigo 6 : O Club Deportivo Fontiñas poderá percibir doazóns, subvencións ou calquera outro tipo de ingreso moble ou inmoble, de acordo coa normativa vixente..

Artigo 7 : O enderezo do Club Deportivo fíxase na Rúa Varsovia 4 C-4º , 15707 Concello de Santiago, provincia de A Coruña.

Artigo 8 : O Clube Deportivo Fontiñas ten como fins principais:

• Promove-la práctica de actividades deportivas
• Favorecer e potenciar a participación da comunidade nas actividades ximnástico-deportivas
• A promoción do desenvolvemento físico-cultural
• desenvolvemento de calquera actividade acordada pola Asemblea Xeral.

Artigo 9 : Serán patrimonio do Club:

• As subvencións e doazóns
• Os bens mobles e inmobles rexistrados como propiedade
• As cotas, se é o caso

TÍTULO I : DOS SOCIOS : CLASES, ADMISIÓN, DEREITOS E OBRIGACIÓNS


Artigo 10 :
Os socios poderán ser de número e honorarios.

Son socios de número aqueles que de acordo cos criterios recollidos nos presentes Estatutos, acaden esta condición, có cumprimento previo dos requisitos aprobados pola Xunta Directiva.

Son socios honorarios aqueles que, por proposta polo menos de tres membros da Xunta Directiva, sexan nomeados pola maioría da Asemblea Xeral.

O número de socios de número e honorarios é ilimitado.


Artigo 11 : Os socios de número terán os seguintes dereitos:

1. Coñecer e participar nas actividades do Club
2. Examinala documentación de que dispoña a Xunta Directiva.
3. Elixir e ser elixido como membro da Xunta Directiva
4. Participar con voz e voto nos debates da Asemblea Xeral.

Artigo 12 : Son obrigas dos socios:

1. Contribuír ó cumprimento dos fins establecidos polo Club
2. Contribuír ó sostenemento e difusión das actividades do Club
3. Acatar as disposicions acordadas pola Asemblea Xeral e pola Xunta Directiva
4. Cumplir co disposto nos Estatutos do Club

Artigo 13 : A solicitude de admisión como socio farase por escrito dirixido ó presidente da xunta directiva. A solicitude de admisión supón o compromiso de cumprir coas obrigas establecidas nos Estatutos do Club.

Artigo 14 : A condición de socio prderase por baixa voluntaria, ou por decisión da xunta directiva, que deberá ser someta á aprobación maioritaria da Asemblea Xeral.


TÍTULO II : DOS ÓRGANOS DO CLUB


Artigo 15 :
Son órganos do Club, a Asemblea Xeral e a Xunta Directiva


A ASEMBLEA XERAL

Artigo 16 : A Asemblea Xeral é o máximo órgano de decisións do goberno do Club. A Asemblea Xeral está integrada por tódolos socios de número.

Artigo 17 : Son funcións da Asemblea Xeral:


• Aprobar o plan de actividades do Club
• Elixir ós membros da Xunta Directiva.
• Aproba-la memoria, os presupostos e o estado de contas do Club.
• Aproba-lo cesamento da Xunta Directiva; o cesamento deberá ser acordado por unha maioría de tres quintos do número total de socios do Club.
• Acorda-la aprobación e modificación dos Estatutos do Clube
• Acorda-la disolución do Club, que deberá ser acordada por unha maioría de tres quintos do número total de socios do Club.
• Aproba-lo réxime disciplinario do Club.
• Aproba-la modificación dos Estatutos ou a disolución do Club.

Artigo 18 : Celebrarase Asemblea Xeral ordinaria de socios polo menos unha vez ó no. Poderase celebrar Asemblea extraordinaria, por petición do Presidente do Club, da maioría dos membros da Xunta Directiva, ou dos dous quintos do número total de socios.


A XUNTA DIRECTIVA

Artigo 19 : A Xunta Directiva estará formada por un número mínimo de cinco membros. Integran a Xunta o/a Presidente/a, Vicepresidente/a, Secretario/a, Tesoureiro/a e Vocais.

Artigo 20 : Os cargos da Xunta Directiva serán elexidos por un período de dous anos, renovables por metades cada ano.

Artigo 21 : Corresponden á Xunta Directiva as seguintes funcións:


• Levar a fin os acordos aprobados pola Asemblea Xeral
• Elabora-lo plan de actividades para sometelo á aprobación da Asemblea Xeral.
• Elaboración e aplicación do réxime disciplinario do Club.
• Executa-lo plan de actividades aprobado pola Asemblea.
• Cumprir e facer cumpri-los Estatutos.
• Acorda-la alta e baixa dos socios.
• Elexir de entre os seus membros os distintos cargos, incluído o Presidente/a, nomear as comisións e os órganos das seccións e escolas deportivas que se acorden crear.


Artigo 22 : A Xunta Directiva quedará validamente constituída en primeira convocatoria cando concorran a ela a maioría dos seus membros. En segunda convocatoria será suficiente a concorrencia, polo menos de tres dos seus membros.

Artigo 23 : A xunta Directiva reunirase logo da convocatoria do seu presidente/a ou por acordo da terceira parte dos seus constituíntes.

Artigo 24 : Exercerá de secretario/a o/a Vocal nomeado a tal efecto pola Xunta Directiva.

Artigo 25 : E función do secretario/a:


• Redactar e asina-las actas das reunións da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva.
• Ler e somete-las actas á aprobación da Asemblea e da Xunta Directiva
• A garda e custodia do libro de actas da Xunta Directiva e da Asemblea Xeral
• Arquivar e coidar a documentación do Club.


Artigo 26 : O/a tesoureiro/a será elexido pola Xunta Directiva de entre os seus membros.

Artigo 27 : Son funcións do/a tesoureiro/a:


• Asinar xunto co/a Presidente/a tódolos documentos contables do Club.
• Dar de alta e baixa os socio/as.
• Asinar recibos e executar pagos.
• Presentar á Asemblea a memoria contable e os Presupostos do Club.
• Levar ó día se é o caso, as cotizacións dos socio/as


Artigo 28 : Será elexido/a presidente/a do club, o directivo/a que obteña o maior número de votos na Xunta Directiva.

Artigo 29 : Son funcións do/a presidente/a:


• Representa-lo club
• Presidir e coordinar as reunións da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva.
• Asina-lo visto e prace das actas de reunión da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva.
• Levar a cabo tódalas accións necesarias para acada-los fins do club.
• Convocar reuinións da Xunta Directiva e da Asemblea Xeral.
• Xestiona-lo patrimonio do club.
• Presenta-la memoria de actividades á Asemblea Xeral.
• Firmar acordos e convenios para acada-los fins do club.


TÍTULO III : DAS SECCIÓNS E ESCOLAS DEPORTIVAS



Artigo 30: As seccións deportivas créanse para a práctica dunha modalidade deportiva por acordo da Xunta Directiva do Club.

Artigo 31 : As seccións deportivas creadas, poderán federarse, debendo cumprir para tal fin o disposto pola regulación vixente.

Artigo 32 : A supresión dunha sección deportiva deberá ser acordada pola Xunta Directiva e contará coa aprobación da Asemblea Xeral.

Artigo 33 : A creación dunha sección deportiva representará a obriga de crear o seu órgano responsable, que estará constituído polo menos por un coordinador e un secretario.

Artigo 34 : Son funcións do coordinador:


• Promover e levar a cabo tódalas accións precisas para o normal desenvolvemento da súa actividade.
• Dar conta á xunta directiva das actividades realizadas con periodicidade trimestral ou a requirimento desta.


Atigo 35 : Son funcións do secretario:


• A execución de tódolos trámites necesarios para o normal desenvolvemento da actividade da Sección.
• Dar en garda e custodia ó Secretario da Xunta Directiva toda a documentación correspondente á Sección.


Artigo 36 : A Xunta Directiva pode acorda-la creación de Escolas Deportivas, para o cal está capacitada para desenvolver as accións precisas.

Artigo 37 : As escolas deportivas creadas polo Club Deportivo Fontiñas rexeranse pola normativa propia que lle sexa de aplicación e substitutoriamente polo disposto nestes Estatutos.


TITULO IV : DA DISOLUCIÓN DO CLUB

Artigo 38 : A disolución do Club deberá ser acordada pola Asemblea Xeral por maioría absoluta, debendo representar polo menos as tres quintas partes do número total de socios.

Artigo 39 : En caso de disolución o patrimonio do Club reverterá onde acorde a Asemblea Xeral.



Santiago de Compostela, setembro de 1994